Friday 26 de April de 2024

Ferrol contará neste Xacobeo 21-22 co seu primeiro albergue nun dos puntos de saída do Camiño Inglés


― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe no encontro “Turismo, reinventar un sector estratéxico e clave para a recuperación” que en breve se asinará o contrato de arrendamento do local coa Autoridade Portuaria de Ferrol ao finalizar os trámites da cesión, o que permitirá licitar a obra e comezar os traballos

― A Xunta investirá máis de 467.000 nesta infraestrutura de 60 prazas destinada a acoller aos peregrinos do Camiño Inglés, a terceira ruta xacobea máis transitada e unha das que máis está a medrar

― Alfonso Rueda destacou neste foro que Galicia reúne as condicións do turismo do futuro cun modelo tranquilo e sen masificacións en contacto coa natureza, os mesmos atractivos que ofrece o Camiño de Santiago

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe en Ferrol que a cidade contará neste Xacobeo 21-22 co seu primeiro albergue de peregrinos no que o Goberno galego investirá 467.000 euros. Durante a súa participación no encontro Turismo, reinventar un sector estratéxico e clave para a recuperación detallou os avances neste proxecto, xa que remataron os trámites pendentes para a cesión por parte da Autoridade Portuaria do local da Casa do Mar, polo que xa se pode asinar o contrato de arrendamento co obxectivo de licitar as obras antes de fin de ano e comezar os traballos na primavera de 2022.
O proxecto de reforma na antiga Hospedaría situada no último andar da Casa do Mar, no porto de Ferrol, permitirá que a cidade conte cun albergue de 60 prazas -unha delas adaptadas- para o aloxamento dos peregrinos do Camiño Inglés. De feito, situarase nun dos puntos de saída desta ruta xacobea, a terceira máis transitada e que nos últimos anos máis está a medrar. Así, das máis de 170.000 Compostelas entregadas no que vai de ano, máis de 10.200 corresponden a peregrinos que escolleron esta ruta.
O novo albergue sumarase aos 6 cos que conta a rede pública nesta ruta, onde ademais deste novo edificio en Ferrol estaría previsto outro na Coruña, sempre que o Concello ceda a parcela e conceda os permisos. Unha vez inaugurados neste ano os novos albergues de Vigo, A Gudiña e Sobrado dos Monxes, o próximo ano rematarán as obras dos de Oseira, O Saviñao e Vilasantar. Ademais, a Xunta investirá outros 1,1 millóns de euros para construír un novo edificio para acoller aos peregrinos que pasen por Piñor e 262.000 euros no de Riós. Estas actuacións permitirán ampliar a rede pública de albergues ao longo do Xacobeo 21-22 ata as 78 infraestruturas.
No encontro de hoxe, organizado por Capacita Directiva e apoiado pola Xunta, Alfonso Rueda explicou que o sector turístico está a ser clave na recuperación económica e nese obxectivo destacou como motores nesa reactivación do Camiño de Santiago e do Xacobeo.
Lembrou os bos resultados no que se refire á recuperación da actividade turística cun comportamento 25 puntos por riba da media nacional respecto ás cifras prepandemia grazas ao traballo da Xunta por consolidar Galicia como destino seguro e de calidade. Así, sinalou que as medidas postas en marcha converteron a Galicia nun destino de moda ao adaptarse ás demandas dos turistas que atoparon na comunidade aspectos que acadaron aínda máis importancia trala pandemia. O modelo de turismo actual e que a Xunta busca reforzar basease nun turismo tranquilo e sen masificacións en contacto coa natureza e con propostas personalizadas vinculadas á gastronomía, o deporte, a náutica ou termalismo.
Segundo o vicepresidente primeiro da Xunta eses valores para desfrutar da práctica deportiva e da natureza tamén o ofrece o Camiño de Santiago, polo que invitou a camiñar a Galicia neste Ano Santo no que o Goberno galego continuará a mellorar as rutas xacobeas e a dotar de máis e renovados albergues como o de Ferrol para a súa acollida.